Éxito da XGN R Encounter 2022, que mostra trala pandemia unha forte recuperación para continuar co seu crecemento

  • Os organizadores desta cita, que se celebrou xa no seu formato completo, valoran que, tras dúas edicións marcadas pola situación sanitaria, os resultados foron moi positivos e permiten dar continuidade ao obxectivo de converterse na segunda maior lanparty de España
  • Dende o pasado venres ata hoxe os preto de 800 participantes puideron desfrutar, grazas a R, dunha velocidade de conexión de 20 Gbps que, ademais de permitir unha gran experiencia ao usuario, sitúa ao recinto como unhas das instalacións con mellor conectividade de Galicia
  • As máis de 50 actividades programadas rexistraron unha alta participación e a satisfacción foi xeralizada entre os inscritos
  • O evento contou, de novo, co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e con R como empresa colaboradora e patrocinadora oficial

A 22ª XGN R Encounter remata hoxe tras tres días nos que a informática e as novas tecnoloxías foron as protagonistas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Unha cita que os organizadores cualifican de exitosa, ao mostrar unha gran fortaleza para recuperarse tras a pandemia e poder continuar así coa súa senda de crecemento, coa que pretende converterse tanto no punto de encontro dos afeccionados á tecnoloxía no noroeste de España como na segunda maior party a nivel nacional, tras a Euskal Encounter no País Vasco.

Con estes obxectivos, os organizadores pediron aos participantes que se convertan en embaixadores da XGN R Encounter, animando a que todos os presentes este ano traian a un amigo en 2023 para, desta maneira, seguir medrando.

Dende o pasado venres ata hoxe domingo os preto de 800 participantes desfrutaron, grazas a R, dunha velocidade de conexión de 20 Gbps e dunha gran estabilidade na navegación, o que permitiu unha magnífica experiencia de usuario e contribuíu ao éxito das actividades desenvolvidas durante a party. Unhas condicións que ademais sitúan ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA como unha das instalacións con mellor conectividade de Galicia, debido ao esforzo realizado por esta empresa de telecomunicacións galega.

Quen se inscribiu nesta edición da gran lanparty galega puideron participar nun programa exclusivo que rematou hoxe coa entrega de premios das súas competicións. A estas actividades da Intranet sumáronse as propostas da Extranet, a área de acceso libre da party tanto para rexistrados como para visitantes, e a zona recuperou a presencialidade tras celebrarse online na pasada edición.

A XGN R Encounter recuperou así o seu formato completo e ofreceu no recinto máis de 50 actividades nas que se apostou pola formación e a aprendizaxe sen esquecer a diversión. Propostas que destacaron por unha alta concorrencia e o gran talento dos participantes nas distintas competicións.

Esta cita foi a sexta con R como colaboradora e patrocinadora oficial e de novo contou co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia como impulsora. A party está vinculada á rede de Encounters que a Fundación Euskaltel impulsa desde hai máis de 25 anos e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter e a Araba Encounter.

Punto de encontro lúdico e profesional

O perfil dos inscritos na XGN R Encounter 2022 correspóndese co de afeccionados e profesionais cunha idade media que segue medrando respecto ás anteriores edicións e se sitúa agora na trintena, onde a persoa máis nova ten 10 anos e a máis veterana, 53. A súa procedencia revela que acoden desde 18 provincias diferentes, na súa maioría de Galicia, pero tamén con presenza destacada de rexistrados de Madrid, Asturias ou Bizkaia.

Moitos deles sinalan, entre os seus intereses para acudir á party, o seu valor como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos, o que demostra que esta cita conxuga á perfección a vertente lúdica coa profesional.

Por outra banda, nunha primeira valoración os rexistrados mostraron de forma xeneralizada a súa satisfacción coas prestacións e as propostas desta edición da XGN R Encounter.

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532
 

twitter facebook