- Esta mañá comezou a party con cerca de 800 inscritos, na súa maioría galegos pero procedentes dun total de 18 provincias distintas.
- O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo participou na inauguración oficial acompañado da directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto a outras autoridades.
- Este evento, que terá lugar ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta de novo co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e con R como empresa colaboradora e patrocinadora oficial.
- Son máis de 50 as actividades programadas, con propostas exclusivas para inscritos e tamén áreas de ocio, conferencias e talleres de acceso libre durante o día de hoxe e mañá.
Esta mañá inaugurouse a 22ª XGN R Encounter, con tres días por diante cargados de propostas centradas nas novas tecnoloxías e o lecer electrónico.
Na presente edición da lanparty hai preto de 800 rexistrados, na súa maioría galegos pero procedentes dun total de 18 provincias españolas. Todos eles dispoñen, na Intranet do evento, dun posto para o seu equipo informático e dun amplo programa con propostas e torneos exclusivos. Grazas a R poderán navegar a unha velocidade de ata 20 Gbps.
Por outra banda, o evento recupera nesta edición a presencialidade no recinto da súa Extranet, cuxas actividades se realizaron na pasada edición a través de internet porque a pandemia aínda o esixía. Esta zona de acceso libre conta hoxe e mañá con numerosas actividades ás que poden acceder gratuitamente tanto os rexistrados como os visitantes que se acheguen de forma ocasional.
O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron esta mañá na inauguración o evento. Acompañáronos no acto o deputado da Deputación de Pontevedra, Carlos López; o director xeral de R, Alfredo Ramos; o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; o director da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente, e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, xunto a outras autoridades.
Aplicacións da realidade virtual
Nesta edición da XGN R Encounter, a realidade virtual volverá converterse nunha das áreas con maior protagonismo e os asistentes poderán coñecer con detalle os últimos avances que está a experimentar este apartado da tecnoloxía. De feito, non deixan de ampliarse as súas aplicacións en campos como a saúde, a educación, a industria, o turismo ou o márketing, entre outro moitos.
En concreto, habilitouse unha primeira zona de realidade virtual máis orientada ao lecer e a creatividade, con xogos e opcións de debuxo en 3D e un segundo espazo xestionado pola empresa Wuautech que ofrece unha experiencia de hiperrealidade totalmente inmersiva e unha xincana con diferentes probas que deberán superarse nun tempo limitado. Desta forma, as potentes aplicacións que esta tecnoloxía ofrece xa, unidas ás súas posibilidades inxentes de desenvolvemento a curto prazo, quedan perfectamente reflectidas nesta XGN R Encounter.
Máis actividades
O programa da XGN R Encounter 2022 suma máis de 50 propostas lúdicas e formativas con interesantes novidades.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos rexistrados, a Intranet da XGN R Encounter inclúe numerosas competicións de arte dixital. Ademais, en hardware conta con interesantes propostas, entre elas a modificación e personalización de equipos e talleres de hidroimpresión (transferencia dun deseño impreso nunha lámina a calquera obxecto que entre nunha cubeta), xunto ás experiencias de realidade virtual mencionadas.
Así mesmo, os participantes poden tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse máis dunha ducia de torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, Fifa 22, Mario Kart 8 ou StreetFighter V. E, como sempre, o Trivial de cinema e de xogos, a competición de avións de papel “papers flight simulator” ou o “Game of encounter: A casa da org”, un torneo con gran número de probas.
A Extranet, pola súa banda, inclúe hoxe e mañá conferencias como “Monta a túa web dende cero”, “Ivao, simulando o ceo” ou “Materiais baratos para iniciarse no cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic)”, e talleres para programar un sensor que mida a calidade do aire, deseñar un reloxo con 60 leds que fan de segundeiro ou xogar ao fútbol cos Robots Dash. Así mesmo, Ivao (International Virtual Aviation Organisation) organizará eventos de simulación de voo e concursos virtuais de “tomas suaves” e “voo nivelado”.
Todo iso dota de gran atractivo a esta edición que conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sexto ano consecutivo e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.